Grupos de Usuarios e docentes do ensino non universitario pedirán á Xunta un
compromiso no emprego do Software Libre no sector educativo.
Os Grupos de Usuarios de Software Libre galegos e docentes do ensino non
universitario, analizarán con responsables da Consellería de Educación o
emprego de Software Libre nos centros de ensino e as posibilidades de que a
consellería se comprometa no emprego de aplicacións informáticas en código
aberto de xeito masivo a curto prazo.
O Software Libre constitúe ademais unha esixencia do profesorado que ve no seu
menor custe (na maior parte dos casos é gratuíto), adaptabilidade e
facilidade de tradución ao galego a solución ideal para o sector educativo.
Dáse o paradoxo de que os ciclos de formación profesional públicos e outros
niveis educativos, nos que as administracións públicas invisten grandes
cantidades de diñeiro, son na práctica"academias públicas de software privado
ou privativo" [1].
Por outra banda a Consellería de Educación está a mercar miles de equipos sen
que haxa persoal encargado do mantemento dos equipos e de formar aos docentes
nas novas tecnoloxías. Ademais moitos destes equipos pagan dúas veces a
licenza de Windows: a que vén incluída no equipo e a que a Xunta ten a nivel
global.
As melloras que proporán os Grupos de Usuarios máis os docentes estarán
baseadas en Software Libre e estarán expostas nun documento colaborativo
(wiki) [2] accesible desde Internet. Algunhas das peticións son:
*A modificación do portal actual cara un portal interactivo para os profesores
onde estes poderán aportar contidos educativos e compartilos,
*Creación de espazos de intercambio de experiencias educativas a través de
listas de correo entre os diferentes centros
*Mellora das aplicacións de xestión actuais (Xade/Xadeweb) que actualmente son
ineficientes e inseguras.
*Ademais solicitarase cambiar o deficiente sistema de soporte técnico actual
dos centros para promover o papel do persoal docente coma xestor de
mantemento e formador do propio profesorado.
Solicitaranse tamén explicacións dos criterios tomados en conta para enviar
aos centros os miles de equipos informáticos sen persoal de apoio que poida
instalalos nas aulas e ademais pagando a Consellería unha licenza por equipo
que xa estaría cuberta en cada centro cunha licenza global académica.
Convenio con Innovación
Os Grupos de Usuarios de Software Libre en Galicia tiveron a oportunidade de
expresar as súas preocupacións o ano pasado aínda que nesa ocasión foi á
Directora Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, dona
Elena Veiguela (Consellería de Innovación e Industria), chegando pouco
despois a asinar un convenio co CESGA para a difusión e promoción do Software
Libre en Galicia. Actualmente algúns grupos de usuarios están realizando
estes labores en diferentes centros da comunidade autónoma
polo que se propoñerá asinar un convenio na mesma liña coa Consellería de
Educación.
[
1]http://www.mancomun.org/index.php/component/option,com_content/task,view/…
[
2]http://www.galpon.org/modules/phpwiki/index.php/TIC_e_Soft_Libre_no_Ensin…
Sobre o Software Libre
O Software Libre son todas aquelas aplicacións informáticas que poden ser
usadas, copiadas, modificadas e redistribuídas libremente. Algunha das súas
principais vantaxes son o seu menor prezo, a adaptabilidade, a posibilidade
de ser traducido a calquera idioma. Son exemplos de Software Libre os
sistemas operativos Linux,
OpenOffice.org ou Mozilla Firefox. Máis do 60% das
páxinas web que existen actualmente en Internet funcionan baixo tecnoloxía
libre.
Máis información:
GALPon – Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra
Páxina Web:
http://www.galpon.org
Carlos Rodríguez (Presidente de GALPon)
Correo electrónico: info(a)galpon.org