Boletín de novas Cidadania
Boletín trimestral de novas de Cidadania Sociedade Cooperativa.
¿As imaxes non se ven correctamente? Engade boletin@info.cidadania.coop a tua axenda agora.
ou mira a versión en liña.

Orzamentos participativos de Ferrol

O concello de Ferrol ten decidido continuar co proceso de orzamentos participativos que se ten iniciado no ano 2009, e ten depositado a súa confianza en Cidadania para que coordine este proceso de participación. Para conseguir unha maior implicación e participación do conxunto dos cidadáns, tense deseñado diferentes procedementos que dean cabida ás preferencias e necesidades das diferentes zonas e barrios da cidade.

Outro dos aspectos novidosos é que se prorroga o deseño e execución das accións para os anos 2011 e 2012. Así no primeiro ano recolleranse e sistematizaranse as diferentes achegas dos cidadáns, para posteriormente no segundo ano ser aprobadas e ratificadas polas diferentes entidades participantes e o pleno do concello.

A cohesión e implicación do tecido asociativo xunto coa implicación do concello son os principais elementos de garantía dun proceso exitoso para o conxunto da cidade de Ferrol.

Libro Democracias Participativas

O papel das cooperativas e a economía social como unha alternativa a modelos económicos en crise ven de ser destacado por Cidadania na publicación ‘Democracias participativas y desarrollo local’, editada pola Deputación de Málaga. En concreto, é responsable do artigo “Cooperativismo e economía social: experiencias para o desenvolvemento local”, o cal vai asinado por unha das nosas socias Ana Rosa Lorenzo Vila.

NEA-2

A nosa cooperativa ten colaborado coa Consellería do Mar no desenvolvemento dun diagnóstico sobre o sector náutico en Galicia dentro do marco do proxecto de cooperación transnacional NEA2. Neste proxecto participan 23 socios de oito rexións europeas: Irlanda, South-West, Basse-Normandie, Bretagne, Pays de la Loire, Galicia, Portugal, e Andalucia, e ten como obxectivo principal o desenvolvemento de actividades náuticas coordinadas dentro do Espazo Atlántico.


O diagnóstico foi realizado a través dun conxunto de enquisas a empresas, clubes e portos deportivos de Galicia, e dunha consulta de información de carácter socioeconómico. Esta análise permite realizar unha comparación entre o sector naútico galego e o das outras rexións integradas dentro do proxecto NEA2, ao empregar un marco de indicadores comúns para todos os territorios.


As iniciativas e accións vinculadas a este proxecto de cooperación pretenden sitúar o Espazo Atlántico como un polo de referencia no plano internacional para o desenvolvemento sostible do sector náutico de recreo. Para a consecución destes fins é preciso deseñar e aplicar proxectos comúns, afondar nos sinais de idéntidade configurados a través do vínculo natural do océano, e apostar decididamente pola protección do medioambiente.

Rede EuSumo

A Rede EuSumo é un proxecto promovido pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo e Benestar e que conta coa colaboración das Asociacións de Cooperativas e Sociedades Laborais, así como doutras entidades e axentes locais. O seu obxectivo fundamental é promover o sector da economía social en todo o territorio de Galicia e impulsar a súa presenza destacada no mesmo.


Entre os seus principais obxectivos destacan o de informar e sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre o valor da economía social, apoiar ás persoas emprendedoras e ás empresas de economía social mediante a oferta de diversos servizos de información especializada e asesoramento, e promover en xeral a economía social entre os axentes sociais e económicos.


Para a dinamización e coordinación deste proxecto licitouse un concurso público nos que resultou adxudicatario a cooperativa Xedega, que contaba coa colaboración das cooperativas Ardora e Cidadania.

Coop 57

A organización Coop 57 é un proxecto de finanzas éticas e solidarias que recolle aforro de cidadáns e iniciativas sociais para financiar entidades de economía social e solidaria. Os días 21, 22 e 23 vai celebrar un encontro estatal en Barcelona onde se tentará dar resposta ás seguintes preguntas: que papel debe xogar a economía social e solidaria?, cómo se pode combinar o crecemento coa preservación dun modelo de funcionamento democrático, participativo e autoxestionario?, cómo se pode contribuír a transformar a economía e a sociedade desde a actividade financeira?. Cidadania forma parte da Sección Territorial de Galicia e terá unha presenza activa nesta xuntanza.

  seguir en Facebook | seguir en Twitter | enviar a un amigo
Cidadania S. Coop. Galega
Corredoira das Fraguas, 5, 1º Izq.
Santiago de Compostela (A Coruña)
cidadania@cidadania.coop
www.cidadania.coop